A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia activará mañá, luns, a alerta amarela por episodio de calor na zona isoclimática de Valdeorras. O nivel 1, de alerta amarela, afectará aos concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Segundo informa Meteogalicia, altas presións situadas ao norte da península Ibérica atraerán unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África. Esta masa de aire chegará mañá a Galicia e permanecerá sobre a comunidade ata o mércores. Combinado cun ceo despexado e moitas horas de sol, espéranse temperaturas moi elevadas.
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. O corpo humano pode ter dificultades para compensar as variacións de temperatura, o que pode levar a unha perda de líquidos e electrólitos esenciais para o funcionamento dos órganos.
Os principais grupos de risco inclúen persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, persoas con patoloxías crónicas (cardiovasculares, diabetes, enfermidades respiratorias ou renais, neurolóxicas ou psiquiátricas), persoas que toman certos fármacos, e aquelas en situacións de risco como vivir soas, en vivendas mal acondicionadas, con exceso de peso, ou traballadores e deportistas que pasan moitas horas ao exterior.
A Consellería de Sanidade recomenda beber máis líquidos, especialmente auga e zumes, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola, e as moi azucradas. Tamén se aconsella aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas, evitar comidas copiosas, usar roupa lixeira e folgada de cores claras, sombreiro, lentes de sol e calzado fresco. Recoméndase permanecer en espazos ventilados ou á sombra, baixar persianas durante o día e abrir xanelas pola noite, reducir a actividade física e non deixar nunca nenos ou anciáns no interior do coche.
En caso de sufrir esgotamento ou golpe de calor, recoméndase chamar ao 061. Tamén se suxire facer un seguimento especial a parentes ou veciños que vivan sos.




