A recente edición da Feira do Viño de Valdeorras, celebrada no Barco de Valdeorras, saldouse cun rotundo éxito de participación e consumo. Ao longo da pasada fin de semana, máis de 5.500 persoas achegáronse ao recinto para degustar os viños das 22 adegas participantes, das cales se serviron aproximadamente 25.000 copas.
Este evento, que coincidiu coa conmemoración do 80 aniversario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, presentou unha nova localización no Paseo do Malecón, unha aposta que a organización considerou acertada pola maior presenza, comodidade e visibilidade que achegou. Ademais, reforzouse a oferta musical con orquestras recoñecidas e ampliouse a duración da feira nunha xornada máis, o que contribuíu a un ambiente festivo e familiar.
As catro sesións programadas entre o venres 29 e o domingo 31 de maio rexistraron unha gran afluencia, convertendo o recinto feiral nun punto de encontro para os amantes do viño. O presidente do Consello Regulador, Marcos Prada Ginzo, cualificou de moi positiva a experiencia, destacando que o cambio de emprazamento permitiu "gañar espazo, comodidade e visibilidade" e subliñou o "alma de festa" que se viviu, chamando á reflexión sobre o orgullo polo territorio e o traballo do sector vitivinícola.
A feira contou coa participación de 22 adegas, a cifra máis alta da última década, reflectindo o bo momento do sector en Valdeorras. Tamén tiveron unha valoración positiva os cinco postos de Artesanía Alimentaria presentes, que rexistraron boas vendas. O programa completouse con actividades para toda a familia, propostas gastronómicas, showcookings e obradoiros infantís.
Marcos Prada tamén agradeceu o respaldo institucional recibido durante a inauguración, mencionando de forma especial á conselleira do Medio Rural, María José Gómez; ao director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; ao director da Agacal, Martín Alemparte; e ao alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, así como a outros representantes que arrouparon a edición.




