A programación completa da feira xa está dispoñible, ofrecendo dúas xornadas repletas de actividades para todos os públicos. O venres 2 de outubro, previo ao inicio oficial, haberá un lanzamento do caso de estudo Living Lab “A Veiga Valley”, do proxecto Horizonte Europa FARCLIMATE, na Aula de desenvolvemento rural.
O sábado 3 de outubro comezará ás 12.00 h coa inauguración e a actuación da Banda de Gaitas da Veiga. Ao longo do día, destacarán as exhibicións de cans de pastoreo a cargo de Pastoreo de Galicia ActiCan, actividades agro-forestais con AMETLAM, demostracións de elaboración de augardente e a votación do concurso “O produto máis especial da horta”. Tamén haberá catas de licores e bica de castaña, campionato de bolos, exhibicións de drons e robots forestais, ferradura de cabalos e concursos de empanadas e viños da DO Valdeorras.
A xornada do domingo 4 de outubro iniciará ás 11.00 h coa apertura da exposición e incluirá demostracións do afiador a cargo da Fundación Legar, espectáculos ecuestres e máis actividades agro-forestais. As degustacións de porco ao espeto e caldo galego con faba loba estarán dispoñibles durante toda a feira.
A programación infantil do sábado inclúe obradoiros de pirogravado, pintura en madeira e pan artesán, mentres que o domingo haberá un obradoiro de candeas. Todas as actividades infantís requiren reserva previa e teñen prazas limitadas.
Durante toda a feira, os asistentes poderán gozar da exposición de gando vacún, equino, caprino e ovino, maquinaria agrícola e forestal, stands informativos e de produtos locais, demostracións de oficios tradicionais e unha zona infantil con diversas atraccións.
A feira terá lugar na contorna da praia fluvial do Couñedo, na Veiga. As catas e obradoiros requiren inscrición previa, e as reservas pódense realizar no teléfono 694 311 733 ou a través do correo electrónico cultura@aveiga.gal.




