A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia adxudicou por 146.500 euros a execución das obras de humanización da Praza Pedro Fernández, situada no concello de San Xoán de Río. O contrato foi adxudicado á empresa Explotacións Medioambientais, S.L.U. e conta cun prazo de execución de 5 meses dende a sinatura da acta de comprobación da implantación.
Os traballos teñen como obxectivos a revitalización desta praza e a homoxeneización do núcleo de San Xoán de Río. Buscan conectar fisicamente e visualmente os puntos estratéxicos do municipio, fomentando unha maior cohesión e dotando á veciñanza dun espazo de calidade. A praza atópase no centro neurálxico do municipio ourensán, rodeada por establecementos de hostalaría, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello.
Este contrato enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento, e o Concello de San Xoán de Río, que achegará o 30% restante.
Estas actuacións desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, unha iniciativa que apoia aos municipios na execución de obras de mellora de contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos, contribuíndo á cohesión territorial e á calidade de vida da veciñanza.




