A Casa da Cultura de Vimianzo foi o escenario da presentación oficial do cartel do Festival Vimindie: Autoedición e cultura independente da Costa da Morte. Esta nova proposta cultural, impulsada pola Asociación Cultural Airexa coa colaboración do Concello de Vimianzo, busca ofrecer un espazo para a creación independente e o encontro entre artistas e proxectos.
No acto de presentación participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, Raquel Gerpe en representación da Asociación Cultural Airexa, representantes do IES Terra de Soneira e o ilustrador local Rubén Rial. A programación, que se desenvolverá do 29 ao 31 de outubro, inclúe faladoiros, proxeccións, música, teatro, poesía, ilustración e fanzines.
Un dos eixos centrais do festival será a participación da mocidade e dos centros educativos. Destaca o proxecto VimianSons, desenvolvido polo Departamento de Música do IES Terra de Soneira e coordinado polo profesor Efraím Díaz. Trátase dun mapa sonoro colaborativo que recolle sons do concello, acompañado de fotografías e xeolocalizacións, co obxectivo de construír un arquivo aberto da identidade sonora de Vimianzo.
A presentación de VimianSons terá lugar o xoves 29 de outubro, no marco do micro aberto de proxectos creativos de centros educativos, que se desenvolverá en formato Pechakucha no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo.
O festival tamén busca dar visibilidade ás persoas creadoras do territorio, como demostra a presenza do ilustrador local Rubén Rial. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou a importancia de apoiar estas iniciativas que fomentan a creación independente e o talento local, sinalando que "A cultura non acontece só nas grandes cidades. Aquí tamén se crea, aquí tamén se innova e aquí tamén hai talento".
O Concello de Vimianzo agradeceu á entidade promotora a súa aposta polo municipio e convidou á cidadanía a participar nas actividades do festival, que nace "desde o corazón da Costa da Morte cunha clara vocación de participación, intercambio e creación cultural".




