O Concello de Vimianzo celebrou un acto de recoñecemento á magnífica tempada 2025-2026 do Club Dousxsetenta, destacando os importantes resultados acadados polos seus arqueiros e arqueiras. Durante o encontro, resaltouse o elevado número de medallas conseguidas nos Campionatos Galegos de Sala e Aire Libre, o segundo posto do club na Liga Galega de Aire Libre e os resultados de Nicolás Soto e Yago Rellán nos Campionatos de España.
A recepción tamén serviu para agradecer o labor de José María Lema, presidente saínte do club, e dar a benvida a Enrique Rellán, que asume a nova presidencia. Ademais, recoñeceuse o esforzo de todos os deportistas que representaron á entidade ao longo da tempada.
“"Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a homenaxe ao adestrador Víctor Santos, a quen a familia Dousxsetenta quixo expresar o seu agradecemento pola dedicación e o traballo desenvolvidos durante tantos anos, fundamentais para a evolución e o crecemento do club."
O encontro rematou cunha comida de confraternización, nun ambiente de compañeirismo e celebración compartida. Con este recoñecemento, o Concello de Vimianzo pon en valor o traballo do Club Dousxsetenta e o papel do deporte como espazo de formación, convivencia e superación, así como a súa contribución á proxección do nome do municipio nas competicións galegas e estatais.




