A iniciativa, que conta coa participación dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, Terras de Compostela, Asdecomor, Adercou, Sil Bibei Navea e Miño Ulla, busca reforzar sinerxías entre produción local, alimentación colectiva, educación alimentaria, sustentabilidade e patrimonio cultural.
O eixo principal do proxecto é a preservación do patrimonio inmaterial, mediante a documentación e recuperación de receitas e técnicas tradicionais, combinada coa mellora da visibilidade do tecido produtivo local e do consumo de produtos de proximidade (km 0). Tamén fomenta a dinamización socioeconómica e o turismo sustentable para fixar poboación.
Xa están programados os primeiros encontros participativos, xornadas e obradoiros en territorios como Sil Bibei Navea, Miño Ulla e Adercou, onde se reunirán produtores, profesionais da hostalaría e veciñanza.
Esta actuación conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a estratexia LEADER.




