O programa municipal Actívate 2026-2027, posto en marcha polo Concello de Vimianzo o pasado 5 de outubro, arrinca este curso cun total de 917 usuarios e usuarias nas súas escolas deportivas, culturais e dixitais.
Esta iniciativa ofrece unha ampla gama de actividades deseñadas para diferentes idades e intereses, co obxectivo principal de promover hábitos de vida saudables, impulsar a participación cultural e facilitar o acceso ao deporte e á cultura dentro do municipio.
Do total de participantes, 496 están inscritos nas escolas deportivas, o que supón aproximadamente o 54,1% dos usuarios. Pola súa banda, 421 persoas participan nas escolas culturais e de achegamento ás novas tecnoloxías, representando un 45,9% do total.
Estas cifras evidencian a boa acollida dunha programación que busca ofrecer alternativas de formación, convivencia e desenvolvemento persoal. Ademais, contribúe á dinamización social das parroquias e á mellora xeral da calidade de vida da veciñanza.
Co programa Actívate, o Concello de Vimianzo reitera o seu compromiso coa prestación de servizos municipais próximos á cidadanía, favorecendo a práctica deportiva, a creatividade e o acceso á cultura como piares fundamentais para o benestar e a cohesión social.




