Estas novas confirmacións súmanse a un elenco xa destacado con nomes como ETS (En Tol Sarmiento), Dakidarria, De Ninghures e Che Sudaka, xunto a talentos emerxentes como Ulex e Yaya Dj. A organización, froito da colaboración entre as asociacións Cherinkas e Axvalso co Concello de Vimianzo, mantén en segredo a distribución por días ata que se complete o cartel definitivo, pero asegura que tanto o venres como o sábado contarán con cabezas de cartel de primeiro nivel.
A banda valenciana Los de Marras achegará o seu característico estilo “guarrocanrol” para presentar o seu último traballo, Resumiendo..., coas súas letras directas e de contido social. Pola súa banda, os morracenses Quinkillada transformarán o campo da Torre nunha pista de baile coa súa fusión de cumbia, rock e ska. Os recoñecidos Festicultores Troupe, activos dende 2005, prometen unha revolución de baile e humor no peche da festa.
Ademais da oferta musical, o festival acollerá a XIV Feira Artesanal, organizada pola A.C. Cherinkas, que terá lugar o sábado 4 de xullo de 2026 na Praza do Concello. O prazo de inscrición para os artesáns interesados en participar está aberto ata o venres 5 de xuño, e as solicitudes deben formalizarse de xeito telemático a través da web oficial do evento.
A partir do 6 de xuño, a organización revisará as peticións e seleccionará un máximo de 15 postos, valorando criterios como a participación en edicións anteriores, a orixinalidade e calidade dos produtos, a variedade das propostas e o equilibrio xeral da feira. As entradas por días (venres e sábado) e os abonos xerais para a experiencia completa xa están dispoñibles para a súa adquisición na web oficial: asaltoaocastelo.gal.




