O evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, alcanzou a súa vixésimo novena edición cunha ampla programación que mesturou historia, música e participación veciñal. Durante a tarde, o protagonismo recaeu no desfile das vinte Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira, que percorreron as rúas da vila antes de chegar á fortaleza.
A xornada incluíu o tradicional Asaltiño, a versión infantil da recreación, onde os máis pequenos escenificaron a loita contra as tropas feudais. Xa pola noite, a música foi o eixe central coa actuación de diversos grupos e bandas que amenizaron o ambiente previo ao acto principal.
O momento álxido produciuse pouco antes da medianoite, cando milleiros de asistentes se congregaron ante o Castelo de Vimianzo. Ao berro de 'Lume!', os participantes levaron a cabo a destrución simbólica da fortaleza, un acto que estivo acompañado por un espectáculo de fogos artificiais que puxo o broche final á celebración.




