O pasado mércores 7 de outubro, o Centro Sociocultural de Baio acolleu unha xornada organizada polo GDR Costa da Morte. O obxectivo principal foi analizar as necesidades, fortalezas e oportunidades de futuro do territorio en relación co proxecto de cooperación intraterritorial “Vía Mariana Luso Galaica”. Esta iniciativa busca recuperar e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e espiritual ligado a este itinerario, contribuíndo á dinamización das zonas polas que discorre.
O encontro reuniu a representantes institucionais, entidades sociais, empresas e persoas vinculadas á Vía Mariana. Durante a xornada, presentáronse os avances do proxecto e recolleronse achegas sobre as necesidades e retos do territorio. Tamén se deron a coñecer as novas ferramentas dixitais en desenvolvemento, como unha páxina web e un visor de recursos xeorreferenciados, deseñados para facilitar o coñecemento e a difusión da ruta.
A dinámica participativa permitiu ás persoas asistentes abordar aspectos clave como as infraestruturas, a sinalización, os recursos patrimoniais e naturais, os servizos, o aloxamento, a cooperación territorial e a promoción dixital. Na Costa da Morte, destaca o predominio de camiños naturais e a riqueza do patrimonio mariano, etnográfico e paisaxístico, con puntos sinalados como o Santuario da Virxe da Barca en Muxía, templos, cruceiros e pazos.
Identificáronse tamén necesidades de mellora, como a limpeza e mantemento do trazado, o acondicionamento de zonas afectadas por encharcamentos e a mellora da sinalización. Subliñouse a importancia de reforzar a promoción da Vía Mariana entre a poboación local e o tecido empresarial para fomentar a implicación e a creación de servizos vinculados ao itinerario.
O proxecto Vía Mariana Luso Galaica, impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural en colaboración coa Asociación da Vía Mariana Luso Galaica, ten como meta consolidar a ruta como un camiño de referencia entre santuarios marianos de Portugal e Galicia, fortalecer unha rede de axentes e favorecer a dinamización socioeconómica local.
Este encontro en Baio forma parte dun proceso de participación e cooperación para asegurar que a evolución da Vía Mariana responda ás necesidades de cada territorio e conte coa implicación dos diferentes axentes.




