A localidade de Vimianzo prepárase para acoller unha nova edición do Asalto ao Castelo, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Este ano, a celebración chega á súa 29ª edición e terá lugar os días 3 e 4 de xullo, aínda que as actividades comezarán semanas antes cunha intensa programación cultural, deportiva e gastronómica que involucra a toda a comarca da Terra de Soneira.
A presentación da programación contou coa presenza da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o portavoz da organización e membro da A.C. Cherinkas, Manuel Rial; Marta Miñones, en representación de AXVALSO; Loreto Rodríguez, de Hijos de Rivera; Vanessa Caamaño, do Terra de Soneira C.D.; e Cristina Landeira, en representación do sector hostaleiro.
Manuel Rial destacou que o programa supón "un paso adiante na madurez e profesionalización do festival, sen perder un ápice da nosa esencia veciñal e asociativa". Pola súa banda, Mónica Rodríguez agradeceu "o incansable traballo colectivo que, durante moitos meses, desenvolve a organización para que Vimianzo sexa o epicentro cultural de Galicia a comezos de xullo".
O deputado Xosé Penas subliñou o compromiso da Deputación co evento, sinalando que "o Asalto ao Castelo é o exemplo perfecto de como o patrimonio histórico e a memoria colectiva poden revivir a través da cultura, a gastronomía e a festa". Cristina Landeira resaltou a consolidación dos Pinchos Irmandiños, que chegan á súa 17ª edición, cualificándoos como "unha proposta de arqueogastronomía medieval única en Galicia".
A gastronomía terá un papel destacado coa 17ª edición dos Pinchos Irmandiños, que se desenvolverá entre o 30 de xuño e o 4 de xullo. Participarán 11 locais nunha ruta que exclúe alimentos de orixe americana. O prezo será de 3,50 € polo petisco individual e 4 € coa bebida. O público votará os mellores establecementos e propostas culinarias, ademais de entrar no sorteo dun lote de cervexa.
A programación inclúe tamén a décima edición da Legua Irmandiña, unha carreira cun percorrido chan e meta no Castelo. Ademais, haberá un campamento infantil de temática medieval (22 de xuño ao 3 de xullo), o Festival Atlántica con narración oral (26 de xuño), e unha mesa de reflexión sobre a historia irmandiña (27 de xuño).
A semana previa ao evento principal contará con concertos da Coral O Son do Val (1 de xullo), actividades infantís (2 de xullo), o XIII Espazo Artístico Itinerante e o Des-enterro Irmandiño na Praza do Concello (2 de xullo).
O venres 3 de xullo, a música chegará coas actuacións da A.C. Trubisquiña, Dautaka e Cé Orquestra Pantasma. A noite culminará coa tradicional cea medieval no foso, amenizada polo Pallaso Blanco, música e a queimada do druída Miguel Queiro. As entradas para a cea xa están á venda. Na XIV Noite Meiga, que require entrada previa, actuarán Che Sudaka, Quinkillada, Ulex e Yaya DJ.
O sábado 4 de xullo, a Praza do Concello albergará a XIV Feira Artesanal, obradoiros, xogos medievais e o mago Iván Tourís. A sesión vermú no Espazo Neghra Sombra contará con Coídos, Rabelo e Nenaza, e Tapa d'Orella. Pola tarde, o Asaltiño ofrecerá unha batalla de auga para os máis pequenos.
A xornada do sábado tamén incluirá obradoiros de baile tradicional, viaxes no tempo no Patio de Armas, torneos de Carcasonne e o concerto de Alberto Mvundi. Destacará o desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira. As Festiletras do Couto realizarán o pregón e o izado da bandeira irmandiña.
A noite de concertos comezará con De Ninghures, seguida de En Tol Sarmiento (ETS). O momento cumio será a recreación teatral e a batalla final de globos de auga do Asalto ao Castelo. A festa continuará co rock de Dakidarría, Los de Marras e Festicultores.
O domingo 5 de xullo, a festa despedirase cunha visita guiada, visitas teatralizadas no Castelo, sesión vermú con Medio Quinhón e a narración oral de José Luis Gutiérrez Guti no Castro das Barreiras, dentro do Festival Atlántica.




