O lume, que se iniciou ás 22,19 horas de onte, afecta segundo as últimas estimacións provisionais unha superficie de arredor das 20 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 13 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas e 1 pa.
A Consellería do Medio Rural lembra á cidadanía que ten a disposición o número de teléfono gratuíto 085 para alertar sobre lumes forestais. Tamén se pode usar a aplicación móbil ALume para avisar sobre incendios activos.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto, o 900 815 085, para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria sospeitosa. Toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta de X: @incendios085.




