A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude actuará sobre tres columnas da fachada da capela do Rosario, situada no Mosteiro de Sobrado dos Monxes, cun investimento de 48.000 euros. O obxectivo principal é restaurar as fisuras detectadas na parte superior destas estruturas, preto dos capiteis corintios da portada barroca, e garantir así a súa conservación e seguridade.
Segundo o estudo realizado, o deterioro podería deberse á oxidación de pezas de ferro de conexión internas entre os fustes e os capiteis, posiblemente acelerada por algún axente externo. A intervención contemplará a desmontaxe dos capiteis, a limpeza, rehabilitación e pegado das pezas rotas, e a recolocación final tras avaliar as causas da corrosión.
Esta actuación forma parte do compromiso da Consellería de Cultura coa preservación do patrimonio galego, especialmente aquel vinculado ás rutas xacobeas. O Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, declarado Ben de Interese Cultural, forma parte do conxunto asociado á declaración como Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte pola Unesco.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa finalizou a mediados do ano pasado un proxecto de conservación neste enclave histórico, cun investimento superior aos 2 millóns de euros.




