A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou as melloras executadas no novo local cultural no antigo CEIP de Visantoña, en Santiso. A intervención, financiada cunha achega de case 26.000 euros do Goberno galego, centrouse na substitución da carpintería exterior para optimizar a eficiencia enerxética.
O Centro Cultural de Visantoña, sede principal da Concellería de Cultura de Santiso, alberga actividades de conciliación para rapaces, obradoiros de memoria para maiores e serve de punto de encontro para asociacións culturais locais como a Banda Escola de Música de Visantoña, a Coral Polifónica e grupos de música tradicional.
O proxecto consistiu na instalación de ventás de aluminio con rotura de ponte térmica, dobre vidro de baixa emisividade e acabado en cor branca. Esta actuación permite reducir o consumo de enerxía primaria non renovable e as emisións contaminantes asociadas.
A delegada da Xunta lembrou que estas axudas, impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na convocatoria de 2025, tamén beneficiaron ao concello de Melide cunha achega de 8.500 euros para equipamento escénico. En total, na provincia da Coruña, 22 concellos recibiron máis de 201.000 euros, mentres que en Galicia se melloraron 44 infraestruturas culturais cun orzamento de 500.000 euros.




