Melide promociona a súa Festa do Melindre con doces en puntos de doazón de sangue

A iniciativa, en colaboración coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, busca difundir a celebración en varias cidades galegas.

Doces tradicionais galegos, melindres, ricos e amendoados, sobre unha mesa de madeira.
IA

Doces tradicionais galegos, melindres, ricos e amendoados, sobre unha mesa de madeira.

O Concello de Melide, en colaboración coa Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, levará a cabo unha campaña de promoción da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional.

Esta iniciativa, que se desenvolverá entre o 29 de abril e o 8 de maio, consistirá no reparto de melindres e outros doces típicos da localidade en diversos puntos de doazón de sangue de Galicia.
A campaña comezará o 29 de abril en Lugo, en horario de mañá, e continuará o 30 de abril na Coruña, en quenda de tarde. Durante o mes de maio, a acción chegará a Santiago de Compostela o día 6 e finalizará o 8 de maio en Melide cunha xornada completa.
As persoas que acudan a doar sangue nestas datas recibirán doces tradicionais de Melide. Con esta acción, o Concello busca reforzar a difusión da festa, que se celebrará os días 9 e 10 de maio na localidade.
Esta campaña súmase a outras actividades promocionais realizadas nos últimos meses para dar visibilidade ao evento, como a presentación do cartel en Fitur, a promoción en Foz durante o Certame de Baristas ou a recente presenza da festa en Santurtzi. Ademais, distribuíronse 20.000 manteis de papel promocionais entre establecementos de hostalería e restauración.

A Festa do Melindre, declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2013, rende homenaxe aos tres doces que definen a tradición repostera melidense: melindres, ricos e amendoados.

A celebración naceu en 1991 por iniciativa municipal co obxectivo de protexer e poñer en valor unhas elaboracións ligadas aos fornos locais e transmitidas de xeración en xeración. O programa desta edición incluirá animación de rúa, obradoiros, showcookings, maridaxes, o nomeamento de embaixadores e actuacións musicais.