A Foliada de Melide, que este ano alcanza a súa décimo novena edición, é unha cita consolidada no calendario cultural galego. Durante a derradeira fin de semana de abril, a localidade encherase de música, baile e tradición, atraendo a centos de participantes de toda Galicia.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou na presentación do evento o labor da Asociación Cultural e Musical O Castelo, impulsora desta iniciativa. Segundo Pérez, a Foliada “naceu do propio pobo de Melide e do acervo que sempre houbo na vila arredor da música tradicional”, agradecendo tamén o traballo dos que fixeron posible que a idea se materializase no ano 2005 e se convertese nunha das celebracións musicais máis importantes da comunidade.
“"Os cantos de taberna, o serán, as mostras de baile tradicional ou a mostra de artesanía son os ingredientes perfectos para que esta receita siga funcionando con éxito ano tras ano."
Pola súa banda, a concelleira Carme Liñeira, encargada de detallar o programa para este 2026, subliñou a variedade de propostas. A programación inclúe concertos, animación de rúa, actividades culturais e opcións para toda a familia, co obxectivo de que a música tradicional volva ocupar as rúas da vila durante toda a fin de semana. Tamén se celebrará o 15º Concurso de Cantos de Tabernas e a tradicional Mostra de Artesanía e Instrumentos.




