Durante o sábado e o domingo, a vila encherase de actividades que poñerán en valor a historia e as tradicións do municipio. Haberá actuacións musicais, espectáculos de rúa, obradoiros de baile e unha destacada mostra de artesanía, consolidando a cita como un referente cultural na comarca.
“"Procuramos facer unha homenaxe á nosa cultura e música tradicional."
A Foliada de Melide naceu no ano 2005 por iniciativa dun grupo de mozos que quixeron crear un serán de música, baile e convivencia para celebrar o comezo da primavera. Co paso dos anos, o evento medrou e consolidouse, converténdose nunha cita moi agardada polos veciños e visitantes.
Un dos puntos fortes da programación é o Concurso de Cantos de Taberna, que este ano celebra a súa 15ª edición. Vinte e unha agrupacións competirán o sábado por alzarse co triunfo. Tamén o sábado, haberá un obradoiro de baile impartido por Manu Seoane e unha marcha gaiteira pola vila. O domingo, os asistentes poderán gozar da presentación musicalizada do libro O violín que trae o vento e dunha sesión vermú amenizada por Irmaos da Raia Seca.
A artesanía tamén terá un papel protagonista, coa Mostra de Artesanía e Instrumentos na Praza do Convento. Desde as 11:00 horas, tanto o sábado como o domingo, catorce postos ofrecerán traxes e recordos que evocan épocas pasadas. Os máis pequenos terán a súa diversión asegurada o domingo coa actuación dos Monifates e diversos xogos populares, garantindo unha festa para todas as idades.




