A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos na contorna, sempre que se cumpran os condicionantes fixados no informe ambiental e na documentación avaliada.
As instalacións ocuparán unha superficie de máis de 18.000 m2 na parroquia de Doade e constarán de 20 construcións estables tipo cabana, así como unha edificación dedicada a recepción e servizos xerais.
O proxecto, promovido por Heroica Enoresorts SL, estará localizado nunha parcela de 18.169,16 metros cadrados. Instalaranse 20 cabanas prefabricadas con capacidade para 40 persoas, ademais dun edificio para servizos comúns como recepción ou tenda.
As cabanas serán prefabricadas, independentes e de planta única, buscando a integración visual na contorna rural e minimizando o impacto paisaxístico mediante cubertas verdes axardinadas.
O informe de impacto ambiental foi elaborado nun procedemento de avaliación simplificada, sen que se recibisen alegacións durante a fase de participación pública e tras consultar a sete organismos.
As avaliacións consideran viable o proxecto, sempre que se cumpran os condicionantes establecidos en relación á protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; solo e infraestruturas; patrimonio natural e cultural; integración paisaxística e xestión de residuos.
A emisión do Informe de Impacto Ambiental (IIA) non exime ao promotor de obter todas as autorizacións e licenzas necesarias para o desenvolvemento do proxecto.




