A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron hoxe en rolda de prensa a proposta municipal. Segundo explicaron, o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer para diferentes idades e intereses, estendendo a actividade por distintos espazos da vila e das parroquias rurais.
A programación arrinca esta fin de semana co II Mercado de Nadal, que abrirá as súas portas o sábado 28 e o domingo 29 de novembro na Praza de Santa María. Contará con 18 postos de artesanía, alimentación e produtos personalizados, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O sábado 28 tamén se celebrará o acendido das luces de Nadal na Praza da Constitución a partir das 18:30 horas. A xornada incluirá pintacaras e o concerto de Broken Peach ás 19:00. Ao remate, o vilalbés Diego Villares, capitán do RC Deportivo da Coruña, realizará o acendido oficial.
O auditorio municipal acollerá tres espectáculos familiares: o 5 de decembro, O Nadal coa avoa Fina; o 13 de decembro, Dedín, dedín, dedal; e o 19 de decembro, Voo. As entradas están dispoñibles en www.entradasvilalba.es. Ademais, o Centro Cultural programará tres tardes de baile con Dúo Estrellas, Tony Meijide e Dúo Matices.
Nas parroquias, entre o 1 e o 9 de decembro desenvolveranse obradoiros de decoración con materiais reciclados nas antigas casas escola de Corbelle, Carballido, Román, Distriz e Mourence. Tamén haberá festas infantís con inchables o 28 de decembro en Román e o 30 de decembro en Lanzós.
O calendario inclúe tamén a XI Carreira San Silvestre o 27 de decembro, o prefin de ano o 31 de decembro e a festa de fin de ano esa mesma noite. O 2 de xaneiro celebrarase o 100×100 benéfico na piscina municipal. A Feira do Capón terá lugar o 21 de decembro na Praza da Constitución.
“"O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer e desfrute durante estas datas, con propostas pensadas para diferentes idades e intereses, ao tempo que se estende a actividade por distintos espazos da vila e das parroquias do rural."
O 24 de decembro, Papá Noel visitará a Praza da Constitución entre as 16:00 e as 19:30 horas. Os Reis Magos percorrerán as parroquias rurais o 5 de xaneiro pola mañá e protagonizarán a cabalgata a partir das 18:15 horas no Campo da Feira.




