O recoñecido fotógrafo lucense Adra Pallón retrata a memoria das bestas e dos besteiros do Xistral cun cento de imaxes nun libro que reivindica a cultura do cabalo. O traballo, froito de dous anos de investigación, documenta o día a día de quen coida, identifica e amansa cabalos que viven en liberdade, explorando a pregunta de "como ferrar aquilo que non se pode reter?". Tras o seu traballo sobre a vida rural en "Lumes", Pallón volve centrarse na memoria do territorio.
A presentación do volume tivo lugar no Pazo de San Marcos de Lugo, coa presenza do alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e o gandeiro murense Manuel Capón Cabada. O acto tamén incluíu unha homenaxe a Luciano García, fundador de Puraga e promotor da baixada dos cabalos das San Lucas. Participaron tamén Adra Pallón, a directora artística Belén Cordero, e a autora do texto final, Neves Neira, quen detallaron o proceso creativo e de investigación.
O deputado da área Rural na Vicepresidencia da Deputación, Daniel García, destacou que "Ferra-lo vento" é un recoñecemento "a todos os gandeiros e gandeiras que mantedes viva día a día a cultura do cabalo nos montes co voso esforzo". Tamén agradeceu a transmisión deste coñecemento "en torno á cultura besteira".
A publicación céntrase nas marcas coas que as gandarías identifican os animais, estendendo a súa análise a outras pegadas como as pisadas nas turbeiras, os sinais gravados nas casas, as transformacións da serra e a expansión eólica. Os materiais do libro tamén evocan a textura dos animais e do monte. A obra divídese en tres partes: o medio natural das bestas, o traballo dos besteiros e retratos dos participantes.




