A Escola Habanera de Guitiriz será o escenario da exposición da artista vilalbesa Iris Debasa. A mostra, composta por 35 obras, ten como grandes protagonistas aos animais e será inaugurada o vindeiro 8 de outubro ás 17:00 horas. A exposición poderá visitarse ata o 29 de outubro.
As pezas, realizadas con técnicas como o carboncillo, o lapis e o rotulador negro, buscan captar as miradas, os aloumiños e os xestos dos animais para transmitir diferentes emocións. A través destas obras, a artista convida á reflexión sobre a beleza que nos rodea e ofrece unha perspectiva próxima e sensible ao mundo animal.
Iris Debasa, artista de Vilalba, amosa a súa paixón polo debuxo desde a infancia. Licenciada en Bioloxía, combina a súa carreira profesional coa arte. A súa obra xa se presentou en Vilalba e Xermade, e agora chega a Guitiriz cunha selección que destaca o seu dominio técnico e a súa habilidade para captar a expresividade animal.
A exposición estará aberta ao público de luns a venres, en horario de mañá (9:00 a 14:00) e tamén as tardes de luns a xoves (16:00 a 18:30). A entrada é gratuíta.




