O proxecto, impulsado por Siana Invest e xestionado por Rosalba Gestión, foi presentado este xoves no salón de plenos do concello. Rosalba Gestión é unha empresa con experiencia no sector xerontolóxico, que xa administra dúas residencias en Madrid e unha en Mérida.
“"Estamos ante un proxecto estratéxico para Vilalba que dá resposta a unha demanda real da veciñanza e que permitirá que moitas persoas maiores poidan ser atendidas no seu propio entorno, preto das súas familias."
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o director de Relacións Institucionais de Rosalba Gestión, Luis Romero, destacaron que a iniciativa creará 150 empregos, entre directos e indirectos, contribuíndo ao desenvolvemento económico local e á fixación de poboación. Tamén subliñaron a importancia de dar unha segunda vida a un espazo clave para a actividade económica da localidade.
O centro adoptará un modelo de atención integral, organizándose en sete unidades de convivencia. Tres destas unidades estarán especializadas: unha para coidados continuados de persoas con enfermidades crónicas complexas, outra para recuperación funcional post-hospitalaria e unha terceira dedicada á atención de demencias dexenerativas.
O Concello e Rosalba Gestión comprometéronse a solicitar á Xunta de Galicia a habilitación de prazas concertadas tanto na residencia como no centro de día, co fin de asegurar o acceso universal a estes servizos. A alcaldesa aproveitou a ocasión para criticar a falta de implicación da Xunta, que posúe a competencia exclusiva en materia de residencias públicas e á que o Concello leva anos solicitando unha infraestrutura destas características sen obter resposta.
As obras de reforma do inmoble, que leva anos abandonado, comezarán nos próximos 15 días e estímase que terán unha duración de aproximadamente doce meses. Segundo os cálculos de Rosalba Gestión, a residencia podería estar operativa en setembro de 2027. Tras a presentación oficial, realizouse unha visita ás antigas instalacións do hotel e da discoteca Troco, esta última fóra do proxecto.




