A localidade chairega vive xa a antesala do FIV, un festival que se consolida como un dos motores económicos da zona. Desde o anuncio das datas, as prazas hoteleiras en hoteis e hostais esgotáronse, anticipando unha gran afluencia de visitantes que beneficiará a diversos sectores.
“"O FIV é moi bo para todo o pobo estea onde estea ubicado, son dous días con moita xente."
O sector da hostalería é un dos máis beneficiados, con establecementos que xa contan con reservas de grupos numerosos. Ademais, outros negocios como os taxistas tamén esperan un incremento significativo na súa actividade, con reservas xa confirmadas para recoller persoas en casas rurais de concellos próximos como Xermade ou Cospeito.
A programación do festival inclúe actividades variadas, como unha cata de viños que se impartirá no Centro Cultural e Recreativo. Un dos momentos máis agardados é a actuación da Banda Municipal de Vilalba, que ofrecerá un repertorio popular con toques de rock, pop e música actual, ademais dunha homenaxe e temas indie dos artistas principais.
Os escaparates da capital chairega xa se tingueron de fucsia, a cor distintiva do FIV, nunha iniciativa que busca implicar ao comercio local. Aínda que non todos os establecementos perciben un impacto económico directo, a maioría valora positivamente a colaboración e o ambiente festivo que xera o evento.
A organización do festival mostra optimismo e espera superar as cifras da edición anterior, que congregou a máis de 6.000 persoas. Cun 80% dos abonos xa vendidos e boas previsións meteorolóxicas, agárdase que o recinto principal, no Campo da Feira, que ten capacidade para 4.000 persoas por día, rexistre unha gran asistencia.




