O alcalde, Francisco Balado, detallou que o capítulo de investimentos ascende a 696.865,62 euros. Parte destes fondos proceden das arcas municipais, mentres que preto de 450.000 euros provirán de distintas axudas doutras administracións.
A partida máis significativa, duns 163.000 euros (con 100.000 de Agader), destinarase á mellora da accesibilidade, sinalización e reciclaxe de residuos no conxunto histórico e artístico de Castro de Rei. Tamén se reservan 220.000 euros, con 170.000 da Deputación, para proxectos de mellora de vías en varias parroquias como Prevesos, Santa Locaia, Bazar, Outeiro, Ramil, Ansemar, Loentia, Orizón, Duarría e Mondriz.
Ademais, acondicionaranse beirarrúas na Praza de Galicia (cun investimento de 54.783,36 euros) e repararase a Ponte do Muíño de Reguntille (17.909,82 euros), ambas as actuacións con axuda provincial. Outras melloras inclúen accesos e sinalización en O Colexio (Duancos), Pousada (Ludrio) e A Ermida (Bendia), cunha achega de Medio Rural de 35.352,14 euros para a anualidade de 2026.
No que respecta a outras inversións, destinaranse 35.344,10 euros (con axuda provincial) á ampliación da rede de abastecemento en Mondriz, Viladonga e Triabá. Preto de 25.000 euros do fondo de compensación ambiental investiranse na substitución por tecnoloxía led de 51 luminarias e oito puntos de luz en Ponte de Outeiro e Bazar. Asemade, reservaranse 18.089 euros da Deputación para a compra de camas xeriátricas para a residencia San Xoán e case 100.000 euros para outras melloras, incluída a do parque infantil de Castro.
O capítulo de transferencias correntes supera os 800.000 euros, dos cales máis de 700.000 corresponden á achega da Xunta para dependencia e uns 42.000 para a escola infantil. A Deputación achega 40.000 euros para o SAF básico e 12.000 para a cita de Mos.
Será necesario subir algunhas taxas municipais
O alcalde Francisco Balado sinalou a ausencia de débeda e o "equilibrio orzamentario", aínda que avanzou a necesidade de "subir algunhas taxas municipais" ao considerar que as cantidades actuais son inferiores ás doutros municipios.
A voceira socialista, Alba Sinde, xustificou a abstención pola falta da RPT ou dunha figura de tesourería con habilitación nacional. Tamén pediu maior transparencia nas contas dos partidos e que as axudas se concedan por concorrencia competitiva. Solicitou ademais a creación dunha aula de estudo e interesouse polos problemas coa auga.
A voceira do BNG, Olga García Portela, criticou a "falta de iniciativas" do equipo de goberno e a demora na presentación do orzamento, ademais de pedir máis sinalización na nova ruta da Vía Rexia.




