O suceso tivo lugar pouco antes das doce do mediodía no punto quilométrico 36,3, un cruzamento que facilita o acceso a Roupar e á estrada de Lousada. No accidente víronse implicados unha furgoneta e un vehículo todoterreo.
Os servizos de emerxencia desprazáronse de inmediato ao lugar, incluíndo efectivos do 061, a Cruz Vermella con base en Vilalba, o subsector de Tráfico da Garda Civil e os bombeiros do parque comarcal de Vilalba. Aínda que inicialmente se alertou da posible presenza de persoas atrapadas, finalmente non foi necesaria a excarceración.
Os feridos de maior gravidade foron trasladados ao hospital Lucus Augusti. Un deles foi evacuado en helicóptero, mentres que a outra persoa foi derivada en ambulancia. Outros dous ocupantes, incluída unha menor, foron trasladados ao centro hospitalario por precaución, aínda que o seu estado non reviste gravidade.




