O Concello da Estrada e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) materializaron a súa colaboración para mellorar un dos tres centros de saúde periféricos do municipio. Ambas administracións consideran prioritaria esta actuación para garantir unhas instalacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades asistenciais da veciñanza.
O investimento total ascende a 154.112,02 euros, financiado ao 50% por cada institución. O Concello da Estrada achegará 77.056,01 euros, idéntica cantidade á que corresponde por parte do Servizo Galego de Saúde.
As obras previstas responden a deficiencias detectadas nun informe técnico do Sergas e permitirán actuar sobre problemas estruturais. Incluirán a substitución completa da cuberta, nova impermeabilización, illamento térmico, tellas cerámicas, renovación de canlóns e baixantes, e a instalación dun novo lucernario para eliminar filtracións.
A intervención tamén abarcará a renovación dos falsos teitos, o pintado interior, a substitución das tubaxes de auga quente sanitaria e calefacción por un sistema máis eficiente, e o traslado do rack de comunicacións á zona de administración para mellorar a seguridade tecnolóxica.
Ambas administracións destacaron que a reforma resolverá problemas de humidades, deterioro e obsolescencia, garantindo a funcionalidade a longo prazo e mellorando as condicións de traballo dos profesionais e a atención á cidadanía.
Segundo o convenio, o Concello da Estrada será o encargado de licitar, contratar e executar as obras. O Sergas, ademais da achega económica, coordinará as actuacións coa administración local para asegurar a continuidade da asistencia sanitaria durante os traballos.




