O xurado do certame, que este ano conmemora a figura da "Cantora da Ulla", seleccionou a obra gañadora entre as 25 pezas presentadas. O poemario, que competiu baixo o lema "Fendas na brétema", foi desvelado tras abrir a plica co título "Consciencia da impermanencia".
A deliberación tivo lugar na Sala de Xuntas do consistorio estradense. O tribunal estivo composto por Xoán Carlos García Porral, Constantino Regueira Paz, María Begoña Porto Brea, Esteban Folgar Brea e Dolores Araújo Arias, quen actuou como secretaria.
O xurado destacou a estrutura do poemario e a súa "harmonía do día dende o amencer ao solpor", así como a forma en que transita por "paisaxes claras nas que o saber, o buscar e o querer enchen unha vida asentada na esencia que nos define e que, deste xeito, transcenderá".
María Montserrat Varela Vázquez, natural de Santiago de Compostela e veciña de Arzúa, xa foi recoñecida anteriormente co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no ano 2025 por un ensaio sobre "Trazos da escolma da cultura".
A entrega do galardón, que inclúe unha dotación económica de 2.000 euros e a publicación do poemario en Edicións Fervenza, celebrarase o vindeiro 26 de novembro no Teatro Principal, no marco da Festa da Poesía.




