O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reivindicou a "profunda pegada" que A Estrada deixou en Castelao durante o acto de inauguración dunha escultura en homenaxe á familia Castelao-Pereira. O Goberno galego sinalou que este recoñecemento na localidade onde Castelao residiu tras casar con Virxinia Pereira, veciña da Estrada, e onde naceu o seu fillo Alfonso Xesús, falecido na infancia, considérase "de xustiza".
A escultura, obra do artista Acisclo Novo, representa a familia a tamaño natural e está situada na Praza de Galicia, un lugar que foi testemuña de importantes acontecementos persoais e históricos na vida de Castelao. O conselleiro destacou que este espazo "emblemático" foi escenario, hai 90 anos, dun dos seus discursos históricos a prol da consecución do Estatuto de Autonomía de 1936, un día antes do referendo.
“"No momento da súa intervención, unha avioneta sobrevoou este mesmo lugar esparexendo octavillas a favor da autonomía galega"
O titular de Cultura lembrou este acontecemento, que o propio Castelao describiu na ‘Carta aos estradenses’. Esta carta, publicada na revista Unión Estradense, reproducíuse xunto á escultura, gravada sobre un mapa de Galicia, co obxectivo de "difundir os estreitos vencellos" do escritor coa localidade, que visitou por última vez o día daquel histórico mitin.




