O encontro comezou no Malecón, onde os integrantes da agrupación local e o Grupo de Coros y Danzas Villa de Madridejos, procedentes de Toledo, iniciaron un percorrido musical ata a Praza da Vila.
Durante a xornada, os grupos de gaitas, pandereteiras e baile de Peleriños amosaron o traballo realizado ao longo do curso. A cita serviu tamén como escaparate para o folclore manchego, grazas á participación da agrupación convidada.
A programación estendeuse ata a madrugada coa actuación da Murga de Cantigas e Frores no Malecón. Esta actividade contou co apoio do Concello de Sarria e enmarcouse no programa Tradigalu, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.




