O Salón de Plenos do Concello de Teo acolleu hoxe a celebración do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA), un órgano de participación onde a mocidade tivo a oportunidade de expresarse sobre as súas necesidades e realizar propostas para mellorar a vida da infancia no municipio. A xornada contou coa presenza de alumnado de varios centros educativos e grupos de participación infantil e adolescente.
As propostas debatidas centráronse no dereito á participación, á protección e seguridade infantil, ao xogo, e a medrar nunha contorna saúdable e adaptada á infancia e xuventude. O grupo @toupasdeTeo tamén informou das súas próximas actividades, incluída a asistencia ao XIV Foro de participación infantil e adolescente no Parlamento de Galicia.
A concelleira de Educación e Igualdade deu lectura a unha declaración institucional aprobada por unanimidade, que reafirma o compromiso do Goberno cos dereitos da infancia e a súa prioridade nas políticas locais. O Concello de Teo, recoñecido como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF, súmase á campaña #ESTAMOS AQUÍ, lembrando que os nenos e adolescentes son cidadáns do presente con dereito a ser escoitados.
Esta distinción de UNICEF, obtida o 27 de novembro de 2023, recoñece os esforzos do municipio na adopción de enfoques de participación infantil, resultados demostrables, equidade e gobernanza con perspectiva de infancia.




