A parella, que leva case vinte anos dedicada á súa paixón, engade este novo logro a un impresionante palmarés que inclúe unha copa do mundo, un terceiro posto nun campionato mundial, tres primeiros postos en campionatos de España e dez en Galicia. Desde o seu inicio en 2007, López e Veiga demostraron unha constancia e un talento que os levou a converterse en referentes do baile deportivo.
“"Xuntámonos en 2007 despois de coñecernos ao coincidir en anteriores torneos. Poderíase dicir que a rivalidade foi o que nos ligou, xa que antes da nosa relación sentimental e profesional eramos contrincantes."
A súa dedicación vai máis alá da competición. Ao tratarse dunha disciplina minoritaria, compaxinan o baile coas súas profesións (el é profesor de Educación Física e ela odontóloga) e a súa vida familiar, xa que son pais desde 2023. A pesar das dificultades, adestran intensamente, dedicando entre dúas e tres horas diarias os venres, sábados e domingos á técnica, e o resto da semana ao apartado físico de forma individual.
Manel López subliña a importancia de recoñecer o baile deportivo como unha disciplina que esixe un gran esforzo físico, algo que a miúdo se infravalora. A parella agradece o apoio da veciñanza de Teo, onde adestraron desde os seus inicios no ximnasio BeOne de A Ramallosa. A pesar dos sacrificios de tempo e os gastos asociados á vestimenta e desprazamentos, a emoción de subir ao escenario e a paixón por mellorar mantéñenos activos e ilusionados.
Encántanos competir. Cando chega o momento de actuar enfronte do xurado é como que nos sobe algo indescritible polo corpo. Creo que vivir iso e traballar para mellorar cada aspecto é o que nos fai seguir en activo.
Aos seus 41 e 39 anos, Manel e Beatriz continúan coa mesma ilusión do primeiro día, sen plans de deixar de bailar ritmos como a samba, o cha-cha-chá, a rumba bolero, o paso dobre ou o jive. Para eles, o baile é unha forma de evasión, de manterse en boa saúde física e mental, e de gozar xuntos.