A licitación conxunta suma un importe total de 869.966,67 euros. O centro de saúde do Milladoiro recibirá 411.400 euros para a instalación dun novo sistema, mentres que o centro Concepción Arenal contará cun investimento de 458.566,67 euros para a renovación da súa climatización.
As actuacións levaranse a cabo en centros que permanecen en funcionamento, polo que os traballos se programarán respectando os horarios laborais e as necesidades asistencias, priorizando sempre a continuidade do servizo.
As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de outubro ás 14:00 horas.
No caso do centro de saúde do Milladoiro, o proxecto inclúe a instalación de dúas bombas de calor aerotérmicas exteriores, un depósito de inercia, novos colectores de distribución de auga e equipos de bombeo, ademais das instalacións eléctricas necesarias. Tamén se implementará un sistema de control centralizado.
Pola súa banda, as obras no centro Concepción Arenal centrarase na renovación dos equipos de produción de frío, o reforzo da ventilación e a optimización do sistema de control. Instalaranse tres bombas de calor aire-auga exteriores conectadas a un acumulador de inercia. Reformarase tamén a instalación eléctrica para integrar os novos equipos nun sistema de xestión enerxética (EMS) e control centralizado (BMS).




