O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, supervisou o inicio deste estudo, que se levará a cabo de forma intensiva ao longo de cinco fins de semana consecutivas.
O ensaio clínico, que se desenvolve de xeito colaborativo entre Dinamarca e Galicia, ten como obxectivo principal avaliar a capacidade da vacina combinada para previr hospitalizacións derivadas destas infeccións respiratorias agudas. A Consellería de Sanidade enviará SMS informativos a 730.000 persoas coa previsión de acadar unha participación de entre 110.000 e 130.000 persoas nas campañas actuais e futuras.
A vacina administrarase de xeito aleatorio, e estímase que a simplificación da vacinación pode repercutir positivamente no mantemento das coberturas vacinais e na eficiencia do sistema. O estudo non busca evidencia científica sobre a vacina combinada, xa testada e autorizada, senón a mellor estratexia para a protección da poboación galega maior de 65 anos.
Con este ensaio, Galicia consolida o seu posicionamento na investigación de vacinas e na aplicación da evidencia científica na saúde pública, sumándose a estudos previos como Galflu, Nirse-Gal e Sincigal.
As persoas interesadas en participar poderán reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao teléfono 900 842 217, dispoñible de 10:00 a 20:00 horas. O consentimento informado poderá asinarse de xeito electrónico.




