O Goberno autonómico colabora nesta iniciativa que busca pór en valor a creatividade e o saber facer dos artesáns, amosando á mocidade referentes da artesanía contemporánea e proxectos innovadores. O obxectivo é achegar o mundo dos oficios á sociedade, especialmente á xente nova, desde unha perspectiva interactiva e inspiradora, consolidando un espazo de encontro entre tradición e futuro.
A programación inclúe charlas de referentes do sector, un espazo maker con proxectos innovadores e obradoiros participativos de cerámica, encadernación e estampaxe. A edición céntrase na colaboración, a experimentación e a reinterpretación da tradición, demostrando como o coñecemento artesanal dialoga coas novas tecnoloxías.
Entre os participantes destacan os gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2025, o ceramista Alberto Lista e o marroquineiro Jonatan Sarachaga, que presentarán o proceso de creación da peza gañadora 'Nemein'. Tamén intervirán Cristina Velasco (Anaquiños de Papel) e Belén Martínez (Casa Atlántica).
O espazo maker reunirá 16 proxectos innovadores, incluíndo obradoiros como Olobotoys de Juan Pablo Venditti. Ademais, haberá obradoiros participativos de cerámica, estampaxe, gravado e encadernación xaponesa impartidos por profesionais como Susana Anta, Amor ó teu e Peixesapop.




