O material, financiado pola Cátedra Institucional da USC e Turismo de Galicia, percorre distintas localidades do Camiño Francés, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela, establecendo unha relación entre as pezas, os lugares de recollida e o patrimonio xacobeo. A investigadora destaca a necesidade de propostas educativas para a conservación e difusión da música tradicional galega.
O proxecto de investigación tivo como obxectivo principal elaborar un material didáctico que permita establecer unha conexión entre a música tradicional galega e o Camiño de Santiago a través de arranxos musicais adaptados á instrumentación escolar, utilizando principalmente a instrumentación Orff con dificultade progresiva.
O material, concibido para Educación Primaria e Secundaria, foi sometido a experiencias de implementación que mostraron unha valoración positiva, destacando a motivación xerada pola práctica vocal e instrumental e a escasa presenza da música tradicional nas experiencias escolares.
A difusión a través dunha plataforma web e actividades académicas busca ampliar o alcance do material, que pon de manifesto o potencial educativo de conectar música tradicional e territorio, ofrecendo oportunidades para traballar o patrimonio cultural inmaterial.




