O acto, que adiantou os festexos do Día Europeo das Linguas (26 de setembro), consistiu nun recitado multilingüe de poemas a cargo de alumnado de Secundaria e Bacharelato, celebrado nos soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago.
García, representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, considerou significativa a celebración deste ano, coincidindo coa renovación do Plan xeral de Normalización da Lingua Galega, que inclúe case 700 medidas para fomentar o uso do idioma.
Salientou a importancia de preservar a diversidade cultural e lingüística de Europa e de incrementar o entendemento intercultural a través da aprendizaxe de linguas. Neste senso, puxo en valor as iniciativas da Xunta para a proxección exterior do galego, como as bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.
Actualmente, o galego estúdiase en 40 universidades a nivel mundial, con medio milleiro de alumnos en España e outros 1.000 estudantes en 21 institucións académicas europeas (en países como Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal e o Reino Unido). Engadiu tamén oito lectorados en América e dous novos en India e Mozambique.
A xornada incluíu unha lectura dramatizada polo alumnado do IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, aberta á participación do público asistente, e unha exposición de libros editados pola Consellería, que os participantes puideron levar consigo.




