O encontro reúne persoal académico, profesionais especialistas e autoridades vinculadas ao ámbito da investigación e da innovación para abordar os principais retos en materia de I+D+i aos que se enfrontan as universidades e a sociedade. A USC, como coordinadora da RedOE, busca mellorar a participación das institucións universitarias nas convocatorias europeas de investigación.
A vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, participou este xoves nunha mesa redonda sobre o uso dual do coñecemento e dos desenvolvementos tecnolóxicos. Lembrou a aprobación dun Regulamento sobre o uso da intelixencia artificial pola USC, que "incorpora principios de responsabilidade e supervisión humanas, integridade, transparencia, privacidade, igualdade e non discriminación", afirmando que é unha manifestación do compromiso institucional cunha IA responsable.
A RedOE ten como obxectivo canalizar os posicionamentos institucionais das Universidades Españolas en asuntos relacionados coas iniciativas europeas de I+D+i, facilitando a comunicación entre as universidades, a Representación Permanente de España ante a Unión Europea e outras institucións do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI).
Entre os seus fins atópanse potenciar a presenza universitaria nos programas europeos e internacionais de I+D+i, reforzar a súa participación nas institucións europeas, colaborar coa Comisión Sectorial de I+D+i da CRUE e promover o desenvolvemento e a profesionalización das Oficinas Europeas de I+D+i.




