A reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron este luns 26 de outubro, no Palacio Municipal de María Pita, un acordo de colaboración. O obxectivo é impulsar novas liñas de investigación e análise que contribúan á planificación estratéxica e ao desenvolvemento urbano sostible da cidade.
O convenio conta cunha achega municipal de 33.000 euros e permitirá afondar en tres ámbitos clave para o futuro da Coruña: a coordinación e gobernanza metropolitana, a adaptación ao cambio climático e a renaturalización dos espazos urbanos, e o seguimento da evolución do mercado da vivenda.
A través desta colaboración, a USC desenvolverá traballos de investigación orientados a facilitar o deseño de políticas públicas e estratexias municipais. Entre as actuacións previstas figuran a análise dos mecanismos de coordinación a escala metropolitana, a identificación de oportunidades para ampliar as infraestruturas verdes e a elaboración de estudos sobre o mercado residencial que contribúan á planificación das políticas de vivenda.
Os traballos contarán coa participación de persoal investigador do Departamento de Xeografía da USC, vinculado ao grupo de investigación Análise Territorial (ANTE) e ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). A colaboración inclúe a elaboración de informes técnicos, indicadores e ferramentas de análise territorial que estarán á disposición do Concello para apoiar a planificación municipal.




