A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC botou a andar este luns o Foro ‘Territorios que lideran: o futuro comeza no local’, unha iniciativa impulsada coa colaboración da Deputación da Coruña. O obxectivo é crear un espazo estable de encontro entre o coñecemento académico e a experiencia das administracións locais.
Ata o día 6 de outubro, a Facultade convértese nun espazo de diálogo entre especialistas no estudo dos gobernos e das políticas públicas e persoas que desenvolven responsabilidades de xestión nas administracións locais. O Foro aborda cuestións como a innovación e a democracia local, as mulleres e o poder político, o financiamento, o territorio e a gobernanza, ademais de abrir unha reflexión colectiva sobre o futuro do municipalismo en Galicia.
A reitora Rosa M. Crujeiras, que presidiu a sesión inaugural, destacou a responsabilidade das institucións públicas nun momento no que se poñen en dúbida os fundamentos democráticos. Subliñou a necesidade de administracións íntegras e eficaces que ofrezan certeza e credibilidade, e que recuperen a confianza cidadá, xa que a lexitimidade democrática depende tamén dos valores e dos resultados socialmente relevantes.
A reitora sinalou a importante responsabilidade da Universidade neste proceso, non só para xerar coñecemento, senón tamén para que este circule, dialogue coa sociedade e sexa útil para comprender e transformar a realidade, especialmente no que respecta ao territorio. "A Universidade non debe limitarse a estudar os territorios desde fóra. Ten que estar neles, coñecelos, escoitalos e aprender tamén deles”, explicou.
No acto inaugural tamén participaron a decana do centro, Marta Lois, e María Barral, vicepresidenta executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias.
O foro conta coa participación de referentes académicos e institucionais de diferentes universidades e administracións. Entre eles atópanse Joan Subirats, profesor emérito da Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en políticas públicas; Carmen Navarro, profesora da Universidade Autónoma de Madrid e especialista en goberno local; Gemma Ubasart, profesora da Universidade de Girona e exconselleira da Generalitat de Catalunya; e Marta Cruells, especialista en xénero, políticas públicas e participación, quen abrirá unha mesa centrada nas mulleres e o poder político local.
A programación inclúe tamén a participación de especialistas das universidades galegas para abordar temas como o financiamento municipal, o territorio, as capacidades institucionais, a gobernanza ou a innovación nas políticas públicas. Un elemento central do Foro é o diálogo entre a perspectiva académica e a experiencia de alcaldes e outros responsables públicos, co obxectivo de coñecer iniciativas municipais e analizar os retos actuais dos gobernos locais.




