O estudante da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Joaquín Camba Carrión e o profesor e investigador do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) Emilio Díaz Varela asistiron a pasada semana en Toquio a un encontro organizado polo Instituto de Estudos Avanzados sobre Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas (UNU-IAS). O obxectivo era contribuír ao volume 12 da Satoyama Initiative Thematic Review (SITR12), unha publicación científica editada por Springer Nature que explora a relación entre as sociedades humanas e a natureza.
O concepto central da iniciativa son as paisaxes socioecolóxicas produtivas (SEPLs), territorios onde as actividades produtivas das comunidades configuraron paisaxes diversas e multifuncionais, capaces de proporcionar recursos, conservar biodiversidade e manter valores culturais e coñecemento local. A edición SITR12 centrarase na monitorización da multifuncionalidade destas paisaxes, analizando as súas funcións produtivas, ambientais, sociais e culturais fronte aos cambios.
Durante o workshop, Camba Carrión e Díaz Varela presentaron o traballo "Monitoring multifunctionality in Chestnut-based SEPLs: A Landscape-integrated Approach in NW Spain". A contribución analiza as paisaxes de soutos do noroeste de España como sistemas socioecolóxicos multifuncionais, onde a produción de castaña se combina con funcións de biodiversidade, configuración paisaxística, patrimonio cultural e vinculación comunitaria.
O estudo propón unha aproximación integrada a escala de paisaxe para identificar e monitorizar estas funcións, considerando os seus compoñentes biofísicos e a súa dimensión social. Esta perspectiva busca superar avaliacións centradas unicamente na produción e comprender mellor a contribución dos soutos á resiliencia territorial, á conservación da biodiversidade e ao mantemento de paisaxes culturais.
O traballo, liderado por Joaquín Camba e vinculado ao seu Traballo Fin de Máster, realízase en colaboración coa Escola Politécnica de Mieres (Universidade de Oviedo), o Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (CSIC–Universidade de Oviedo) e o Departamento de Ciencias Agroforestais da Universidade de Huelva. A participación no workshop permitiu contrastar a proposta con investigadores doutros contextos xeográficos e avanzar na preparación do capítulo para o volume 12.




