O Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu este mércores 21 o foro de intercambio ‘Vivenda, exclusión social e participación cidadá. O papel dos municipios como garantes de dereitos’. O encontro, organizado por Solidaridade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación Solidaridad para el Desarrollo y la Paz (SODEPAZ) e a entidade guatemalteca MEJORHA, enmárcase nos procesos de transferencia de aprendizaxes da cooperación internacional.
O eixo central da xornada é o proxecto ‘Promoción do dereito a unha vivenda digna, adecuada e saudable para a poboación indíxena Ch’orti’ do municipio de Jocotán, Corredor Seco Oriental (Guatemala)’, impulsado por MEJORHA con SODEPAZ e SIG, e co apoio financeiro da Cooperación Galega, a Unión Europea e outras axencias.
O municipio guatemalteco de Jocotán, afectado pola vulnerabilidade climática e a pobreza, enfróntase a retos importantes onde a vivenda é clave para a saúde, seguridade e dignidade da poboación indíxena Maya Ch’orti’.
O foro reuniu a representantes institucionais e expertos de ambos os territorios, incluíndo a Hadee Méndez, Ángel Berna e Marvin Calderón (MEJORHA), Antonio Sharshente (representante municipal de Jocotán) e Elida Súchite (lideresa comunitaria).
Tamén participaron representantes do Concello de Santiago de Compostela, Concello de Ames, cooperativa Hábitat Social, asociación Provivienda, EAPN Galicia, Sindicato pola Vivenda de Compostela, REAS Galicia, Coordinadora Galega de ONGD e Etxekonak bat Sociedad Cooperativa de Navarra.
A iniciativa busca situar a vivenda como dereito humano fundamental e elemento clave para o benestar comunitario, promovendo a reflexión sobre a responsabilidade dos gobernos locais e organizacións cidadás na construción de territorios xustos e inclusivos.
As entidades organizadoras subliñan a oportunidade de fortalecer alianzas e coñecementos, destacando o papel da cooperación internacional na transformación social e a defensa do dereito á vivenda.




