O proxecto Genetix and Context, impulsado por Diana Castro, resultou gañador da primeira edición do Programa Incuba Emprende, unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (USC Emprende) destinada a apoiar proxectos emprendedores na universidade. O segundo premio foi para Discerna, de Brais Vázquez.
Genetix and Context ofrece consultaría integral en bioinformática, análise de datos ómicos e interpretación biolóxica e clínica. Pola súa banda, Discerna é unha plataforma dixital para xestionar e seguir prácticas formativas entre centros educativos e empresas.
Os proxectos finalistas defenderon as súas propostas ante o xurado na xornada Demo Day, que tivo lugar no Museo de Historia Natural da USC e foi presidida polo vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelino Maneiro. Diana Castro recibiu un premio de 4.000 euros e Brais Vázquez, 2.000 euros.
Entre os outros seis finalistas atopábanse Nutrición sen dietas (Daniel Presa), Viñalert (Levi García), Viltar (Óscar Baltar e Carlos Vila), Nexum Xestión (Iago Murga e Xián Eirós) e Dashia (Iván Aradas).
O director da AVTE, José Luis Villaverde, explicou os obxectivos da edición, mentres que o Demo Day serviu como foro de encontro co ecosistema emprendedor, con mesas redondas nas que participaron representantes da Xunta de Galicia, Igape, Startup Galicia, Zubi Capital, The Beta Factor, Osix Tech, Albor Biotech e Neutron Insights.




