O Parlamento Europeo acolleu este mércores o encontro ‘The role of artificial intelligence in supporting linguistic diversity in Europe’, impulsado por Google con motivo do Día Europeo das Linguas. A xornada reuniu eurodeputados e representantes dos gobernos do Estado, entre eles Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, xunto con expertos, investigadores e membros do ecosistema lingüístico e dixital, co obxectivo de analizar o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento da diversidade lingüística e cultural de Europa.
O Proxecto Nós participou na xornada para presentar «Arena Nós», unha ferramenta pioneira na avaliación do nivel de representación cultural e lingüística nos grandes modelos de IA. A delegación galega trasladou ao eido europeo a importancia de garantir que todas as linguas continúen a ser linguas vivas no tempo da intelixencia artificial. A integración plena do galego nestes sistemas, obxectivo central do Proxecto Nós, é hoxe en día unha condición imprescindible para protexer os dereitos lingüísticos, potenciar a capacidade produtiva e asegurar o desenvolvemento futuro da sociedade.
O Proxecto Nós estivo representado por Manuel Loureiro, investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, quen participou na mesa redonda «IA ao servicio das linguas e as comunidades». Na súa intervención, centrouse no traballo desenvolvido polos investigadores do Proxecto Nós como exemplo de ciencia aplicada para atinxir unha representación plena da lingua e da cultura galegas nas ferramentas baseadas na intelixencia artificial. O investigador salientou a importancia destes recursos «para que empresas como Google poidan, a través dos procesos de adestramento e avaliación, representar dun xeito profundo a nosa diversidade lingüística e cultural nos seus modelos».
O proxecto traballa no deseño de aplicacións de síntese de voz, tradución e corrección de textos, co obxectivo de fornecer a sociedade de ferramentas esenciais para que o galego sexa unha lingua útil nos sistemas de intelixencia artificial. Loureiro presentou os resultados preliminares de «Arena NÓS», que avalía o nivel de representación da cultura galega nos grandes modelos de linguaxe e compara a súa capacidade de producir texto e voz na nosa lingua.
A iniciativa, que concluirá o seu desenvolvemento nos vindeiros meses, busca facer accesibles datos públicos baseados en metodoloxías científicas. Permitirá á sociedade galega obter respostas sobre que intelixencia artificial entende mellor o galego, cal ten máis capacidade para escribir, corrixir ou traducir, ou cal serve para planear unha viaxe ou programar. Calquera persoa poderá contribuír á avaliación pública a través da plataforma que deseña o Proxecto Nós.
O proxecto Nós publicará os materiais e o código en aberto para facilitar que outras comunidades poidan replicar a metodoloxía. Tamén participaron na mesa Fina Paulos e Oscar Rey, profesores do IES Maximino Romero de Lema en Baio, recoñecidos internacionalmente polo seu traballo coa IA nas aulas, destacando o papel dos modelos de síntese de voz do proxecto Nós.
A participación do Proxecto Nós no debate europeo busca evitar a homoxeneización lingüística e cultural. Manuel Loureiro destacou que deixou o seu anterior traballo na multinacional tecnolóxica para «traballar no Proxecto Nós, non só para que o galego sobreviva nos ecosistemas dixitais, senón para que volva florecer».
Na xornada, as eurodiputadas Idoia Medía e Diana Riba abordaron o papel das institucións públicas e as empresas tecnolóxicas na construción de ecosistemas de intelixencia artificial que prioricen a representación da pluralidade lingüística e cultural. Pallav Mehta, director de produto en Google, falou do reto tecnolóxico que supuxo a inclusión do galego, o catalán e o éuscaro en Gemini. Karen Massin e Miguel Escassi, do Departamento de Relacións Institucionais de Google, situaron o compromiso coa diversidade lingüística como un valor fundamental para Europa.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, executada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Conta co financiamento da Xunta, o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU (proxectos ILENIA e ALIA), e actualmente recibe financiamento europeo do proxecto QUANTUM IBER_IA.




