O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou a importancia da implicación das administracións locais na prevención de riscos ambientais para a saúde, durante a inauguración das II Xornadas de boas prácticas comunitarias en saúde ambiental, celebradas na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Gómez Caamaño agradeceu a colaboración dos concellos nas medidas do Plan galego de saúde ambiental 2026-2030, xa que na súa man están decisións que inflúen na xestión da auga ou na adaptación dos espazos públicos ás temperaturas extremas. Destacou o traballo da Cátedra Institucional de Saúde Ambiental, creada en 2024 entre a Consellería de Sanidade e a USC, que recompilou preto de 40 boas prácticas de 21 concellos.
Nas xornadas compartíronse experiencias sobre recuperación de recursos hídricos, creación de refuxios climáticos, convivencia entre actividade agraria e veciñanza, e sensibilización ambiental infantil. O conselleiro tamén se referiu ao control sanitario de augas de baño, que este ano chegou a 506 zonas de 120 concellos, cun 97,7 % de calidade boa ou excelente.
Mencionou ademais o traballo de prevención de riscos emerxentes da Rede galega de vixilancia de vectores, na que colaboran 31 concellos na detección do mosquito tigre. Gómez Caamaño resaltou que a calidade da auga, os alimentos, o aire e as temperaturas teñen unha influencia directa na saúde e o benestar.




