A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa editora, Edicións USC, suma a súa presenza á décima edición da Semana do Libro de Compostela (SELIC 2026). O evento, organizado pola Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, terá lugar na Praza da Quintana dende o 2 ata o 11 de outubro.
A contribución da Universidade ao sector do libro local, especialmente en monografías académicas, manuais universitarios e traducións ao galego de clásicos do pensamento, a ciencia e a cultura, será amosada a través dunha selección de títulos de diversas coleccións.
Ademais, Edicións USC organizará dúas presentacións-coloquio de novidades editoriais. O luns 5 de outubro, ás 19:00 horas, o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, xunto cos coordinadores Silvia López Gómez e Apolinar Varela, e membros do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, presentarán o libro Patrimonio Lúdico Galego. Investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais.
O martes 6 de outubro, tamén ás 19:00 horas, a vicerreitora de Cultura, Ana Cabana Iglesia, o director de Edicións e as autoras Luisa Muñoz Abeledo e Marta Alija presentarán as publicacións As mulleres e o mar. O traballo femínico nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX e As mulleres e o comercio na Galicia dos séculos XIX e XX, ambas as dúas da Cátedra Juana de Vega da USC.
A SELIC, que se celebrou por primeira vez en 2017, busca reunir editoras, librarías e bibliotecas nun formato expositivo diferente ao das feiras tradicionais, representando o sector do libro de Santiago. Baixo o lema ‘Onde nacen os libros’, a edición deste ano ofrece un programa variado de actividades que inclúen presentacións, conversas, contacontos, lecturas, concursos, obradoiros e rutas culturais.
“"Perante a crise da venda de libro en galego, os editores celebramos iniciativas como a SELIC, que contribúan a reverter as estatísticas."




