A responsable da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, visitou esta mañá Diversa Technologies, a spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Sergas. A empresa é unha das seis beneficiarias da convocatoria Recuperación de excelencia Neotec de 2025 da Xunta.
Durante a visita, Cotelo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o proxecto de desenvolvemento de nanosistemas lipídicos para o transporte e liberación intracelular de ácidos nucleicos para unha terapia xénica en enfermidades raras. A iniciativa impúlsase ao abeiro de Neotec co cofinanciamento de fondos europeos do programa Galicia Feder 2021-2027.
A empresa biotecnolóxica, que xurdiu co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, conta cunha tecnoloxía propia para o transporte de fármacos a dianas de difícil acceso. Ademais, definiu o seu modelo de negocio e atraeu o interese de distribuidores e investidores nacionais e internacionais, recibindo numerosos recoñecementos ao emprendemento innovador.
O programa Recuperación de Excelencia Neotec da Xunta ten como obxectivo apoiar a empresas galegas que desenvolven solucións innovadoras con alto potencial de mercado e que non lograron financiamento na convocatoria estatal Neotec por insuficiencia de crédito, permitindo así a súa viabilidade e crecemento.




