O organismo provincial achega 32.000 euros para o proxecto de investigación "Aproximación á historia das políticas culturais de Galicia (1978-2024)". O orzamento total da iniciativa é de 40.000 euros. A deputada de Cultura, Natividade González, e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais, formalizaron a sinatura, subliñando o compromiso institucional co coñecemento da realidade cultural galega.
Natividade González destacou a "importancia" de analizar a evolución das políticas culturais para comprender o sector actual e os seus retos futuros. Salientou o "traballo rigoroso e o compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa investigación" e a "capacidade investigadora da USC" como garantía para abordar este estudo. Subliñou tamén que a colaboración "permite sumar esforzos e poñer o coñecemento académico ao servizo da cultura galega".
O obxectivo principal do proxecto é recompilar, analizar e sintetizar as transformacións, marcos lexislativos, orzamentos e liñas de actuación do panorama cultural galego nas últimas catro décadas. A investigación estruturarase en tres fases: revisión documental, compilación de estatísticas e traballo de campo con axentes do sector mediante entrevistas, grupos focais e cuestionarios cualitativos.
Os resultados, que se plasmarán nun documento informativo con infografías e gráficos, executaranse ao longo do ano 2026. Esta alianza entre a Deputación e a USC busca facilitar a divulgación e comprensión dos fitos máis relevantes da política cultural galega.




