A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 (USTS 2026) comezou este mércores 18 de novembro na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O evento, que se estende ata o venres 20, congrega a persoal investigador e empresas do ámbito dos láseres ultrarrápidos e as súas aplicacións en Física, Química, Medicina e Ciencia dos Materiais.
A sesión de apertura tivo lugar na sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), presidida pola reitora da USC, Rosa M. Crujeiras. Crujeiras destacou a importancia destes encontros para o estudantado e para lembrar que "investir no coñecemento básico é investir no futuro".
Maite Flores Arias, catedrática da USC e presidenta do comité organizador local, subliñou a relevancia do foro para promover a colaboración en áreas como o procesado ultrarrápido de materiais, a química e dinámica molecular, a biofísica, a aceleración de partículas, a física de plasmas e a ciencia e tecnoloxía cuánticas.
No acto inaugural tamén interviron José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, e Crina Cojocaru, presidenta do Grupo Especializado de Láseres Ultrarrápidos da Real Sociedad Española de Física, entidade impulsora do evento.
O congreso está organizado polo IGFAE e polo Instituto de Materiais (iMATUS) da USC, coa colaboración da Sociedad Española de Óptica, o Centro de Láseres Pulsados e a Asociación Científica de Óptica e Fotónica de Santiago.




