O CiTIUS da USC aposta por unha investigación de excelencia en tecnoloxías intelixentes orientada ao ben común, incorporando expresamente a dimensión humana das intelixencias artificiais ao longo de todo o seu ciclo de vida. A nova misión busca non só o desenvolvemento de tecnoloxías máis intelixentes, senón tamén a comprensión das súas consecuencias sobre as persoas, a economía e a sociedade, así como a anticipación e o control dos seus riscos.
A renovada visión do centro aspira a consolidarse como un referente internacional pola súa investigación, pola contribución ao desenvolvemento de tecnoloxías fiables e responsables e pola súa capacidade para orientar os seus impactos éticos, legais, sociais, económicos e culturais.
Ademais, o CiTIUS incorpora tres novos valores –excelencia, colaboración e responsabilidade– aos xa existentes, buscando reforzar unha cultura científico-tecnolóxica que combine ambición investigadora, cooperación e compromiso social.
En consonancia con esta nova etapa, o centro, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027, abriu un novo proceso de vinculación de persoal investigador. O obxectivo é fortalecer e ampliar a súa comunidade científica e incorporar capacidades e perspectivas complementarias, de acordo coa súa nova orientación estratéxica.
Con estas iniciativas, o CiTIUS reafirma o seu compromiso cunha IA que contribúa de maneira efectiva ao progreso da sociedade, situando sempre as persoas no centro dos seus obxectivos e resultados.




